Tres de vinte e cinco: literatura, cine e música

O pasado mes de maio dábamos comezo á celebración dos vinte e cinco anos da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, xa que no ano 1991 iniciábase dita Rede de Bibliotecas que, na actualidade conta con 8 bibliotecas e un centro coordinador. Durante estos meses leváronse a cabo actividades nas distintas bibliotecas e unha exposición itinerante «25 anos de historia das bibliotecas», na que a través de distintos paneis, o Servizo Municipal amosa as distintas funcionalidades e oportunidades que ofrecen as bibliotecas, os recursos e espazos dispoñibles, e dan a coñecer ao persoal dos centros. A mostra viaxou por toda a Rede Municipal achegando a todos os barrios da cidade os servizos da institución, e rematará na Casa da Cultura «Salvador Madariaga», estando ata o próximo mes de decembro para todos aqueles que inda non tivestes a oportunidade de visitala.

25

Este venres terá lugar unha magnífica celebración, para a cal se decidiu celebrar o aniversario xunto con outras dúas grandes institucións da cidade, o CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) e a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), institucións culturais que tamén este ano celebran os 25 anos desde o seu nacemento.

De ahí o título «Tres de vinte e cinco: literatura, cinema e música», para o acto de clausura que terá lugar o vindeiro venres día 2 de decembro, e coincidirá coa inauguración dunha exposición de textos que fan referencia á importancia na nosa cidade e na sociedade actual de cada unha destas tres institucións. Dita exposición poderá visitarse ata o 7 de xaneiro na Casa da Cultura «Salvador de Madariaga» (Durán Loriga, 10).

3-de-25

O acto do día 2 comenzará ás 18.45 horas na casa da cultura «Salvador Madariaga», e contará coa participación do Coro de Nenas e nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixido por José Luis Vázquez. Seguidamente, terá lugar o recital e as lecturas de Estíbaliz Espinosa, acompañada ao piano por Isabel Gómez. E para rematar, as 20.30 horas no CGAI, se proxectará a película de Truffaut Farenheit 451

A entrada será de balde ata completarse o aforo. Non esquezades que estades todos convidados a asistir ao acto de clausura.

Para rematar, a celebración do aniversario das Bibliotecas Municipais da Coruña, conclúe con dúas importantes e únicas citas ás que non podedes deixar de asistir, e que serán broche final do aniversario:

No mes de abril, no Centro Cultural do Fórum Metropolitano actuará o «Coro Joven» da Orquestra Sinfónica de Galicia, e no mes de junio no Centro Cultural do Ágora, a orquestra de nenos e nenas da OSG, deleitarános con un espectacular estreo dunha obra escrita e dedicada en exclusiva polo 25 aniversario ás Bibliotecas Municipales da Coruña.

 

Publicado en Eventos, Exposicións, Música | Etiquetado , , , , , , , | Deja un comentario

V Encontro Artes pola Integración

 

13254786_897813583681728_8343891557382408716_o

A praia fluvial de Taboada, as  adegas Amaedo  de Chantada, o  bosque da Aldea de Boan, a praia da Cova o Saviñao e o Encoro de Belesar o  Saviñao serán os escenarios elixidos  para o V Encontro Artes pola Integración Ribeira Sacra do Miño, Chantada e Taboada.

A cultura  en xeral é  un  ámbito  privilexiado  para favorecer o  progreso social. Dende esta perspectiva, a  arte e a cultura  deben ser entendidas  como factores vitais na construción e fortalecemento  tanto  dos  lazos sociais e  da  comunidade como da identidade  individual e persoal. En modo algún é unha actividade superflua, unha decoración, un pasatempo ou un luxo.

É  un  artigo  de  primeira necesidade  para  tódola  cidadanía e  unha  ferramenta  para que aquelas  persoas mais  desfavorecidas encontren formas de representación e visibilización da súa realidade.
Concebida  como  unha  iniciativa transformadora, o  proxecto  Artes pola Integración é un exercicio  de responsabilidade, para  poñer  nas  mans  de  algúns  grupos  subalternos  e da sociedade, unha serie de facetas, plataformas,  iniciativas  coas  quecomunciar  e, a súa vez, por en  mans  do  público unha serie  de  representacións visuais, literarias e escénicas coas que poder entender a realidade de eses grupos  socialmente  excluídos  por  diversas razóns legais, sociais ou médicas.
E  así  que  Artes  pola  integración  se  presenta  como  unha  cita  multifacética  e  integral (conferencias,  exposicións,  artes escénicas, cine,  experiencias  formativas, publicacións), dende a  que  entablar  diálogos e complicidades con organizacións, institucións  e persoas, coa fin de promover un maior coñecemento da identidade de persoas e colectivos recluídos en centros de internamento: de menores, hospitais psiquiátricos,  prisións,  de  refuxiados, centros de discapacidade…
A   inclusión   social  ten  acepcións   múltiples,   pero  sin  dubida  todas   elas  pasan  polas dinámicas que vinculan o desenvolvemento das capacidades có acceso a  oportunidades ao longo do ciclo vital, con elo ao acceso  ao  benestar,  ás  redes de relacións  e  á presenza  no espazo público.
Artes pola Integración ten como obxectivo romper as brechas sociais e sustituilas por vías de acceso bidireccionais entre artistas e persoas ou espazos de exclusión.

Unha cita ineludible 24,25 e 26 de xuño

Publicado en Audiovisuais, Danza, Exposicións, Imperdibles, Música, Obradoiros, Teatro | Etiquetado , , , | Deja un comentario

Elas son cine

Di un vello e algo desacougante adagio filosófico que «ser é ser percibido». Ben o saben os expertos en publicidade e marketing que constantemente están a falar da importancia do relato, é dicir, da necesidade por parte de todo fillo de veciño -institucións, empresas, partidos políticos, etc.- de ter unha versión propia do que un é ou fai, ou quere ser ou facer, con capacidade de abrirse paso no maremagnum de mensaxes cotiás para chegar aos destinatarios correspondentes e, efectivamente, existir. Hoxe en día a iso chámaselle tamén ter visibilidade.

Unha boa forma de ter esa visibilidade necesaria para afirmar o lugar de un no mundo é, polo tanto, ser quen de contar a túa historia, comunicala nos teus propios termos. E o medio privilexiado para facelo nestes tempos semella ser o audiovisual, debido á súa omnipresenza nos medios de comunicación e á súa inmediatez. Na inminencia do Día da Muller Traballadora, e sumándonos ás súas reivindicacións, en GM queremos achegarnos ao mundo das mulleres que se dedican a traballar en Galicia nese ámbito decisivo á hora de transmitir a identidade propia.

Nese sentido, unha reportaxe publicada na web da Academia Galega do Audiovisual firmada pola periodista Montse Dopico, dentro do marco de publicacións do seu anuario (Papeis 2014-15), aporta moitos datos reveladores que ofrecen un diagnóstico bastante preciso da situación e que invitan á reflexión. A boa noticia é que, dentro dun contexto de clara infrarrepresentación femenina en postos clave na toma de decisións (dirección, producción, guionistas), nos últimos anos «nos premios AGAPI e Mestre Mateo o 57% das persoas galardoadas na categoría de dirección artística, e o 66% na de produción, foron mulleres». Na mesma reportaxe, Chelo Loureiro, delegada en Galicia de CIMA (a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuales), afirma que á nosa «é a primeira comunidade que camiña cara á normalización en canto a cuestións de xénero desta industria cultural».

tralas-luces-cartel

Cartel do documental que a realizadora galega Sandra Sánchez presentou no Zinemaldia

Porén, costa compartir ese optimismo facendo un repaso do noso fondo de películas galegas, nas que non aparece ningunha dirixida por unha muller. Polo que parece, a tendencia é que as mulleres van pouco a pouco ascendendo e ocupando cada vez máis postos (tanto técnicos como artísticos) e de maior responsabilidade, pero nun determinado momento acaban topando cos famosos teitos de cristal, que lles impiden acceder aos lugares donde se toman verdadeiramente as decisións. O resultado reflictese nos contidos, nos que finalmente aparece unha imaxe pasiva e estereotipada das mulleres.

Neste estado de cousas, as mulleres vense obligadas a dirixir producións pequenas e de pouco orzamento, e por iso a súa presenza e moito maior en formatos como as curtametraxes ou os documentais. A lista de nomes é grande, pero se cadra pouco coñecidos, como -sen ánimo de ser exhaustivos- por exemplo: Sandra Sánchez, Sonia Méndez, Adriana Páramo, Eva Quintas,Virginia Curiá, Angeles Huerta, Olga Osorio, Peque Varela, entre moitas outras.

Algún deles figura no cartel de ‘Mulleres que crean. Xornadas de curtametraxes de mulleres gallegas’, organizadas pola mencionada asociación CIMA e que se desenvolven estes días no Fórum Metropolitano de A Coruña con motivo do Día da Muller Traballadora, dentro da campaña da concellería de Igualdade e Diversidade Para todas, todo.

cineastas galegas

Cartel das xornadas de curtas de directoras galegas

Felicitamos,  polo tanto, esta iniciativa de visibilización por parte de CIMA e animamos á asociación a continuar nesa liña, porque pese aos tímidos sinais que apuntan a un cambio de tendencia, o certo é que aínda queda moito camiño por facer de cara a normalización total da presenza das mulleres no cine e no audiovisual galego.

Publicado en Audiovisuais | Etiquetado | Deja un comentario

Proyecto» Programación Expandida»TRCDanza

TRCDANZA
Arrincamos a nova tempada de outono como non nos pode gustar máis, bailando!!!

Presentámosvos o Proxecto de Programación  Expandida que naceu  o ano  2014  co  ánimo  de acompañar e visibilizar dun modo máis  profundo as  distintas  pezas e artistas convidados ao TRCDanza,  o  ciclo anual de danza do Teatro Rosalía de Castro.

A   través  do  deseño  específico  dun  programa  expandido  ao  redor  de  cada  artista   invitado, xeramos distintas actividades  que permitan  coñecer   mellor o   traballo  de   cada artista relacionándonos con diferentes comunidades e espazos da cidade co ánimo  de afectar  de forma plural ás distintas realidades da nosa cidade.

Nesta ocasión faino cunha celebración, a dos 25 anos de traxestoria da compañía madrileña 10&10 Danza, dirixida pola coreógrafa Mónica Runde que acuará o venres 25 de Septembro no teatro Rosalía de Castro.

Arredor da nosa vindeira artista convidada propoñemos un programa expandido intenso no que poderedes, por un lado, coñecer máis de preto a Mónica Runde, e polo outro, participar dunhas prácticas escénicas conducidas por dúas marabillosas artistas locais, a bailarina e coreógrafa Rut Balbís e actriz Laura Villaverde. Unha semana chea de oportunidades para achegarse máis á danza!!

Os lugares elixidos son o O Forum Metropolitano, a Fundación Luis Seoane e como non podia ser doutra maneira a Biblitoeca Municipal Os Rosales.

Se queres saber máis non te perdas a entrevista a Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro.

 https://vimeo.com/122002227

Lembra que nas Biblitoecas Municipais da Coruña atoparás un amplo fondo de libros, dvds ou cds sobre o mundo da danza.

Esperámosvos!!!

TRC DANZA

Publicado en Danza | Etiquetado , , , , , , , | Deja un comentario

Rumbo ao sur; Helena Villar Janeiro e Rati Saxena en Poetas Di(n)Versos.

Helena Villar Janeiro, Yolanda Castaño e Rati Saxena. Fotografía de Paco Gallego

Helena Villar Janeiro, Yolanda Castaño e Rati Saxena.
Fotografía de Paco Gallego

Alegres e dispostas a celebrar ao grande esta finde de festa, deixámoste este estupendo texto que Yolanda Castaño preparou para a presentación das escritoras Helena Villar Janeiro e Rati Saxena no último recital de Poetas Di(n)Versos que se celebrou o pasado luns 8 de xuño no Centro Cultural Ágora.

«…Benvidos e benvidas a esta fin de festa que se escribe en feminino. Diversas e inclusivas sempre, exploramos o traballo literario que desenvolven dende os rapaces máis novos, ata as autoras veteranas. As que esta tarde nos acompañan están en absoluta forma e sóbranlles calidades coma a curiosidade e a enerxía (tradicionalmente asociadas aos vintexenarios) aínda que xa levan décadas dándolle ao verso. Rati e Helena –a visitante é algo máis nova- teñen varias cousas en común: abandonaron o lugar onde naceron para residir en destinos abondo distintos (rumbo ao sur), son as dúas dalgún xeito editoras literarias e tradutoras, posúen a curiosidade e a constancia como para estudar distintos temas do seu interese e escribir para compartilos con outras persoas, o intimista lirismo atravesa as súas poéticas –o seu xénero mimado-, orgúllanse das súas visións femininas, non disimulan as súas admiracións e veneracións, tratan de espallalas e contaxialas, e téñense embarcado en experiencias de dinamización literaria, dirixindo fundacións, clubs literarios ou festivais de poesía. A nosa ten estudado e publicado sobre a obra de Rosalía ou a de Blanco Amor, e Saxena a do poeta malabar Balamaniyamma. O seu labor como tradutoras moveuse maiormente entre as linguas de proximidade que lles tocan: galego e castelán no caso de Villar Janeiro, no de Saxena hindi e malabar, o primeiro un dos idiomas oficiais do subcontinente e falado sobre todo no norte e o segundo no estado de Kerala. Mentras a nosa dirixiu un par de coleccións de poesía, a india coordina unha revista internacional especializada en poesía e publicada en rede, Krytia. Son as dúas mulleres afoutas, de paso firme, sen pelos na lingua cando se trata das súas conviccións, activas, xenerosas, e traballadoras entregadas….»

Se queredes ler o texto íntegro pica: Texto Presentación Poetas Di(N)versos 6.8!!!!

Deixámosche unhas pinceladas en vídeo deste último e maravilloso recital de Poetas Di(n) Versos.

Lembrarte que se es un amante da poesía, nas Bibliotecas Municipais da Coruña atoparás un amplo fondo adicado aos Poetas e a súa Poesía.

Publicado en Literatura | Etiquetado , , , , , , | Deja un comentario

Os ‘Secretos perdidos’ de Martín Maez

secretos perdidos

Desta volta en Galicia Móvese, e cumprindo coa nosa misión como plataforma cultural, facémonos eco do debut discográfico de Martín Maez, cantante e tamén actor redondelán que nos fai chegar este o seu primeiro traballo, un EP que leva por título ‘Secretos perdidos’.

Os cinco temas do disco están compostos por el mesmo e van na liña dun pop melódico clásico, sen complexos, fresco e pegadizo, con letras que falan de amor e desamor cun punto naive, no mellor sentido do termo. A coidada produción corre a cargo de Paul de Ville (ex membro de La Quinta Estación) e RGM Music.

Podes escoitar o disco completo no seu bandcamp, e tamén podes visitar a súa páxina web se queres máis información sobre a súa traxectoria. Bótalle unha ollada ao vídeo clip de ‘Como tú’, un dos temas do EP:

Publicado en Música | Etiquetado | Deja un comentario

Santiago Auserón e Aldaolado inauguran ‘O alfabeto híbrido’ na Luis Seoane

Santiago-Auserón-GH-bn-1-640x360

Este venres día 10 ás 22 h. arranca na Fundación Luis Seoane, da man da polifacética Yolanda Castaño, ‘O alfabeto híbrido’, unha interesante proposta que xira en torno á palabra, aínda que na procura dos seus ángulos máis heteroxénos. E non comenza de calqueira xeito, quen da o pistoletazo inicial e nada máis e nada menos que o gran Santiago Auserón, exlíder de Radio Futura, un dos grupos claves da historia da música pop en España,  e un dos máis inquietos e influintes artistas a nivel nacional. Auserón, que ademáis de músico tamén e escritor e filósofo -a destacar, nese sentido, o seu libro ‘El ritmo perdido‘, unha investigación multidisciplinar sobre a influencia da música negra na música popular en España- vai facer un achegamento ao seu proceso creativo a través de textos e comentarios intercalados con interpretacións á guitarra.

Pero non estará solo porque o encontro conta cun programa dobre: acompañando a tan ilustre figura estarán as escritoras Lucia Aldao e María Lado no seu avatar común de Aldaolado co que practican unha mestura de música e poesía divertida e irreverente (ver abaixo vídeo).

Este é o primeiro encontro dunha serie de catro que se irán desenvolvendo ao longo do ano e que terán a mesma filosofía de base de levar a palabra en vivo a outro nivel, corrompendoa, no bo sentido do termo, con outros códigos lingüísticos.

Seguirémoslle a pista.

Publicado en Eventos | Etiquetado , , , | Deja un comentario

Repensando o debuxo en Normal

normal

Ata o 17 de abril poderá visitarse a moi interesante exposición ‘Microfísica do debuxo’ en Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. A mostra parte dunha serie de preguntas en torno ao papel e o significado do debuxo na arte contemporánea coas que pretende reflexionar a fondo sobre a vixencia desta técnica, se cadra a técnica artística primordial.

As respostas, ou tentativas de resposta, a tales cuestións artéllanse a través dun percorrido por unha serie de obras moi heteroxéneas que van, por exemplo, dende unha peza na que se emprega como ferramenta básica de traballo e planificación nunha intervención site-specific (Aumentar el caudal de un ríode Luz Broto) ata outras onde o debuxo desborda o marco convencional das dúas dimensións para convertirse en volumes ou relieves escultóricos (Desplegar los posibles The World is a Sculpture, de Françoise Vanneraud), pasando por reapropiacións da estética da banda deseñada para xogar ou rachar cos límites do marco da obra (a viñeta) e transfomar o punto de vista do espectador (#71, de Martín Vitaliti).

world sculpture

Peza de The World is a Sculpture de François Vanneraud

A exposición, comisariada por Sonia Fernández Pan, recolle sete obras de seis artistas que propoñen tanto un reprantexamento como unha redefinición do concepto de debuxo, diversificando e actualizando o seu sentido, ao mesmo tempo que funcionan como unha reivindicación do seu valor.

A propósito, moi reivindicable tamén o papel de Normal como espazo cultural verdadeiramente alternativo en A Coruña. A súa programación conta con actividades e contidos sempre innovadores, diversos e diferentes. Se non a coñeces, podes botarlle unha ollada aquí. Paga a pena.

CATOPTROPHILIA02

Imaxe de Catoptrophilia de David Ferrando Giraut

 

Publicado en Exposicións | Etiquetado , | Deja un comentario

O primeiro Picasso regresa á Coruña

banner_PICASSO-(226x91,5)

«A Coruña é a cidade na que se despertaron os meus sentidos, e iso é algo que nin o tempo nin a distancia poden borrar»

Pablo Ruiz Picasso

Contados son os homes ou as mulleres que ao longo da historia son quen de rachar cos hábitos inconscientes e as inercias irreflexivas que a tradición ou a cultura impoñen ao común dos mortais. Porén, grazas ao seu traballo e inxenio, na maior parte das ocasións nadando contra corrente e enfrentándose ás férreas convencións sociais, somos capaces de mudar a nosa visión das cousas gañando en liberdade, coñecemento e beleza.

É por iso que a este tipo de homes e mulleres lles atribuimos a categoría de xenio, término que, polo menos dende o Romanticismo, designa a todo aquel artista que é un creador no sentido xenuino da palabra; é dicir, no sentido de que crea ou inventa algo totalmente novo que sen o seu concurso decisivo non tería surxido; que cambia radicalmente as reglas abrindo novos espazos de comprensión do mundo e, nesa medida, enriquecéndonos a todos.

picasso grande

A Torre de Hércules e o seu entorno pintados por Picasso en 1895

Dentro desa categoría, algúns deles, só un grupo verdaderamente selecto, consiguen convertirse en modelo ou paradigma dunha determinada rama da arte ou do coñecemento, adquirindo nese caso o status de icono cultural. No mundo da ciencia, tal vez Albert Einstein sexa o exemplo máis ilustrativo; e, no da música, Beethoven, probablemente.

No caso da pintura, sobre todo da moderna, poucos dubidarían en afirmar que o xenio por excelencia, o pintor por antonomasia sexa outro que Pablo Ruiz Picasso, o creador e máximo expoñente do cubismo, o movemento que supuxo un auténtico xiro copernicano no ámbito da pintura e a escultura do século XX e que tivo unha inmensa influencia no desenvolvemento posterior das artes plásticas.

o-PLAYA-ORZAN

Postal picassiana da praia do Orzán

Por iso, pola enorme magnitude da súa figura, a exposición «O primeiro Picasso. A Coruña: 2015», que se pode visitar dende o 20 de febreiro ata o 24 de maio no Museo de Belas Artes de A Coruña, é unha excelente nova e unha gran oportunidade para reivindicar e poñer en valor o papel que a cidade herculina tivo na súa formación artística, se cadra non suficientemente coñecido polo público en xeral. E tamén, como non, para disfrutar da súa obra.

Picasso viviu en A Coruña catro anos, dende os dez ata os catorce, e foi en A Coruña onde deu inicio a súa formación académica e onde tivo lugar a súa primeira exposición, fai agora 120 anos, nunha tenda de mobles da rúa Real. A mostra, comisariada por Malén Gual, conservadora do Museu Picasso de Barcelona, fai un percorrido exhaustivo por esta etapa crucial da vida do pintor e recolle obra realizada durante a súa estancia na cidade, obra posterior relacionada con Galicia, diversos obxectos que recrean o ambiente social e cultural da época e obra de pintores galegos coétaneos que tiveron algunha influencia en el, como Isidoro Brocos ou Román Navarro. Toda a información polo miúdo, na páxina do museo. E tamén na web específica da exposición.

Desa web tomamos este suxerente vídeo de presentación da exposición que, dende logo, invita a visitala:

Publicado en Exposicións | Etiquetado , , | Deja un comentario

Cinco nominacións galegas aos Goya

a esmorga

‘A esmorga’, unha das películas galegas candidata aos Goya

Boas novas para o cinema galego na 29 Edición dos Premios Goya, xa que ven de acadar cinco nominacións, ademáis en categorías das fortes, é dicir, non técnicas.

Curiosamente, isto acontece cando aínda resoan os ecos do celebrado 25 aniversario da estrea no ano 89 de ‘Sempre Xonxa’, ‘Urxa’ e ‘Continental’, as tres primeiras longametraxes de ficción galegas, dalgún xeito o fito fundacional do cinema galego moderno. E cando ven soando, por certo, dun tempo a esta parte, cada vez con máis forza, a etiqueta de ‘Novo cinema galego’, aplicada a unha serie de cineastas novos con propostas frescas e innovadoras que están a cautivar a crítica e público en festivais internacionais. Falamos de Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Eloy Enciso, Lois Patiño ou Alberto Gracia, por exemplo. A propósito, respecto ao aniversario, aínda pódese visitar na Cidade da Cultura Cinegalicia25, unha exposición sobre estes 25 anos do noso audiovisual.

Polo tanto, baixo o signo desta encrucillada simbólica que supoñen as bodas de ouro da nosa producción cinematográfica recente, cabe dicir que o noso cinema atópase nun intre -dadas as circunstancias adversas do medio-, calificable, cando menos, como interesante e prometedor, cunha produción comercial e de autor que atopan recoñecemento cada unha nos seus respectivos ámbitos.

En calquera caso, sexa como fóra, a nova agora está na gala dos Goya o vindeiro 7 de febreiro. As candidaturas ás que opta a representación galega son as seguintes:

– Mellor guión adaptado: Ignacio Vilar e Carlos Asorey, por ‘A esmorga’.

– Mellor película de animación: ‘A tropa de trapo na selva do arco da vella’, de Abano Producciones.

– Mellor curtametraxe de animación: ‘Sangre de unicornio’, de Alberto Vázquez.

– Mellor actor protagonista: o ferrolán Javier Gutiérrez, por ‘La isla mínima’.

– Mellor actriz revelación: a compostelá Nerea Barros, tamén por ‘La isla mínima’.

Moita sorte para todas elas! E para ir meténdovos en fariña, aquí tedes ‘Sangre de unicornio’, o corto aspirante de Alberto Vázquez, flamante gañador en 2012 con ‘Birdboy’, unha auténtica maravilla:

E lembrade que podedes atopar cine galego nas nosas bibliotecas. Consulta aquí o noso catálogo.

Publicado en Audiovisuais | Etiquetado , , , , | Deja un comentario