Alegres e dispostas a celebrar ao grande esta finde de festa, deixámoste este estupendo texto que Yolanda Castaño preparou para a presentación das escritoras Helena Villar Janeiro e Rati Saxena no último recital de Poetas Di(n)Versos que se celebrou o pasado luns 8 de xuño no Centro Cultural Ágora.
«…Benvidos e benvidas a esta fin de festa que se escribe en feminino. Diversas e inclusivas sempre, exploramos o traballo literario que desenvolven dende os rapaces máis novos, ata as autoras veteranas. As que esta tarde nos acompañan están en absoluta forma e sóbranlles calidades coma a curiosidade e a enerxía (tradicionalmente asociadas aos vintexenarios) aínda que xa levan décadas dándolle ao verso. Rati e Helena –a visitante é algo máis nova- teñen varias cousas en común: abandonaron o lugar onde naceron para residir en destinos abondo distintos (rumbo ao sur), son as dúas dalgún xeito editoras literarias e tradutoras, posúen a curiosidade e a constancia como para estudar distintos temas do seu interese e escribir para compartilos con outras persoas, o intimista lirismo atravesa as súas poéticas –o seu xénero mimado-, orgúllanse das súas visións femininas, non disimulan as súas admiracións e veneracións, tratan de espallalas e contaxialas, e téñense embarcado en experiencias de dinamización literaria, dirixindo fundacións, clubs literarios ou festivais de poesía. A nosa ten estudado e publicado sobre a obra de Rosalía ou a de Blanco Amor, e Saxena a do poeta malabar Balamaniyamma. O seu labor como tradutoras moveuse maiormente entre as linguas de proximidade que lles tocan: galego e castelán no caso de Villar Janeiro, no de Saxena hindi e malabar, o primeiro un dos idiomas oficiais do subcontinente e falado sobre todo no norte e o segundo no estado de Kerala. Mentras a nosa dirixiu un par de coleccións de poesía, a india coordina unha revista internacional especializada en poesía e publicada en rede, Krytia. Son as dúas mulleres afoutas, de paso firme, sen pelos na lingua cando se trata das súas conviccións, activas, xenerosas, e traballadoras entregadas….»
Se queredes ler o texto íntegro pica: Texto Presentación Poetas Di(N)versos 6.8!!!!
Deixámosche unhas pinceladas en vídeo deste último e maravilloso recital de Poetas Di(n) Versos.
Lembrarte que se es un amante da poesía, nas Bibliotecas Municipais da Coruña atoparás un amplo fondo adicado aos Poetas e a súa Poesía.