O inverno convoca as actividades de interior, e no flamante magnífico interior deste Auditorio do Ágora que fixo ao ciclo residente, imos hoxe desfrutar de varios interiores. A sesión do pasdado luns 3 de febrerio vai soar toda en feminino.
Como nos dicía na súa presentación Yolanda Castaño dúas poetas co norte nos ollos e certos sutís fíos comúns emparentando as súas letras.
Con menos dunha década de diferenza, as dúas naceron non lonxe do mar, facendo que o bambear das mareas se lles colase nas voces, nos seus timbres delgados. Merja e Elvira naceron as dúas en vilas pequenas e logo trasladáronse á cidade. Con V de Venus: Riveiro e Virolainen formáronse as dúas en disciplinas artesás: Merja no deseño téxtil e de marionetas, Elvira na cerámica.
Mans, sempre as mans, os poemas fanse para elas coas mans. As mans sobre o seu corpo, o corpo do poema. As mans metidas ata o cóbado nos poemas, unha na arxila, outra no alcatrán. A formación en letras, a experiencia pedagóxica e o interese no aspecto sonoro, fónico do poema, rematan de perfilar as máis visibles das súas circunstancias en común.
Outras poden apreciarse mesmo só con nos achegar aos seus poemas de mostra no folleto: fala neles unha primeira persoa cunha marca feminina ben clara, e ademais resultan ambas as dúas personaxes sorprendentes, eus atípicos que nos ofrecen a súa mirada: unha ollada lanzada dende unha perspectiva na que non se adoita reparar.
Dislocación, alteridade, carnalidade, sonoridade do poema.
Deixámosvos pois con Elvira Riveiro e Merja Virolainen.
https://www.youtube.com/watch?v=j0O1x9J4XYg
Recordarvos que nas Bibliotecas Municipais atoparedes una amplia selección dos poemarios deste maravilloso Ciclo de Poesía.