Ven de presentarse a semana pasada na Feira do Libro de A Coruña un moi interesante novo proxecto xornalístico galego, a revista Luzes, que remite inmediatamente á desaparecida Luzes de Galiza, da que fora director Manuel Rivas, quen é, precisamente, un dos promotores, xunto con Xosé Manuel Pereiro e Iago Martínez, desta nova aventura xornalística.
Na feira presentouse un número cero que facía as veces de modelo de proba do que vai ser a revista propiamente dita cando saia publicada oficialmente alá polo outono, en formato papel, mensualmente e en galego. O número recolle un manifesto (abaixo na imaxe) no que se expoñen as liñas principais do proxecto, que nace, segundo se desprende da lectura do mesmo, do rexeitamento dun certo modelo de xornalismo imperante hoxe en día centrado ben na -como dicía o poeta- «exhibición de atrocidades» ben na retórica do partidismo de trincheira.
O consello editorial de Luzes, no que figuran moitos pesos pesados ben coñecidos da cultura galega, como, por exemplo, o sociólogo Fermín Bouza ou o artista plástico e escritor Antón Patiño, por citar só algúns deles, busca crear valor xornalístico para os que considera os auténticos propietarios dos medios de comunicación, os lectores. A eses lectores pretenden ofrecerlles non máis do mesmo do que xa hai, senón do que falta, un xornalismo incómodo, a contracorrente e en profundidade.
Parabéns e moita sorte nesta nova andaina.
Seguirémoslle a pista.