Pasámonos de novo este ano polo (S8), o estupendo festival-mostra de cinema periférico que se celebrou por segundo ano consecutivo no magnífico edificio do antigo cárcere da Coruña, no entorno da Torre de Hércules -edificio que, por certo, está a ser reivindicado, nun interesantísimo proxecto, por unha plataforma asociativa como espazo cultural autoxestionado por e para a cidadanía; máis información, aquí-.
Tivemos de novo a oportunidade de conversar con Ángel Rueda, o entusiasta director da mostra, que nos falou polo miúdo da filosofía e dos principais contidos desta 2ª edición, que abrangueron dende videoinstalacións nas celdas a cine performativo, así como encontros para profesionais ou actividades didácticas para nenos. Tampouco faltaron grandes eventos, como a proxección no teatro Colón dunha copia de Metrópolis, de Fritz Lang, con vinte minutos de película recuperados e nunca antes exhibidos, e con interpretación en directo da banda sonora orixinal da película a cargo da Orquesta Filarmónica de Pontevedra.
Parécenos maravilloso que existan este tipo de propostas culturais tan orixinais e imaxinativas, que supoñen un sopro de aire fresco e unha aposta polo verdadeiramente alternativo, e ademáis cun encomiable espírito lúdico e festivo. Esperamos que a mostra se consolide e vaia a máis. Nós, apoiámolo incondicionalmente. Ata o ano que vén, (S8)!!
*Grazas á dirección de (S8) pola autorización para utilizar o seu material gráfico.
[Música: Wall Street e o mundo que alá vai e E estes son os que han salvarnos (de Summtranses – 2009) – HANOM AUSSE] Vía: A Regueifa Plataforma