Esta semana presentouse, na librería Formatos de A Coruña, ‘Hiperhíbridos‘ (El Gaviero Ediciones, 2011), o último libro do ilustrador, pintor e artista visual coruñés, afincado en Bilbao na actualidade, Pablo Gallo. Aínda que quizáis non sexa coñecido polo gran público, leva xa moitos traballando tanto en exposicións propias como colaborando en revistas literarias diversas así como en prensa cos seus maravillosos debuxos e ilustracións. O ano pasado publicou un extraordinario libro de debuxos eróticos con textos de escritores españois e hispanoamericanos, ‘El libro del voyeur’ (Ediciones del Viento, 2010), e en 2009 ilustrou o libro do cantaautor Nacho Vegas ‘Política de hechos consumados’ (Limbo Starr, 2009).
Nesta ocasión, e acompañado pola poeta Estíbaliz Espinosa e polo tamén ilustrador Alberto Guitián, presentaba esta irreverente compilación de ilustracións nas que reimplanta as cabezas de famoso/as literatos/as nos corpos de diversos personaxes da cultura pop, como por exemplo a de Borges no de Thor (por aquilo da súa afición á literatura nórdica), ou a de Kafka no de Elvis. O autor afirma que os debuxos empezaron como un divertimento, e certamente estas caricaturas ‘híbridas’, aderezadas cos textos ás veces surrealistas ou dadaístas de Basho Bin-ho (Proust aparece promocionando a célebre madalena cun “potencia a túa memoria. Fíncalle o dente”), semellan buscar de xeito lúdico a descontextualización irónica das personaxes que retrata, tal vez nun intento de atopar novos ou sorprendentes significados implícitos nas súas obras. E como sempre nos traballos de Pablo Gallo, o estilo e a calidade están garantizadas.
Boten unha ollada, paga a pena:
